Opinión

O mundo ó revés

Coa música de fondo que Hildur Guðnadóttir compuxo para a película “Joker” (2019), empezo a falar deste filme. Lembro que cando o vin fíxeno con tanto medo que pensei desde un primeiro momento que me decepcionaría. Porque moitas veces cando se fala tanto e tan ben de algo, ó mostrarse ós ollos de cada un adoita decepcionar.

Pero o Joker do director Todd Phillips é como esa puñada no estómago que deixa sen respiración. Desde un principio é o mundo ó revés. Porque o presunto malo érguese en protagonista absoluto da historia, porque o sufrimento de Arthur ou Joker resulta tan palpable e estarrecedor que o espectador non ten outra saída que identificar á sociedade como a auténtica vilá, a auténtica mala da función, ou o que é o mesmo, que os bos son na realidade os instrumentos opresores dun sistema que semella deseñado co único propósito de esmagar ós máis débiles.

Este Joker é un ser patético, perigoso, grotesco, brutal, agarimoso, vulnerable e conmovedor, que durante boa parte da película ri de forma histérica cando se nota que debería chorar, polo que as súas gargalladas semellan alaridos, berros de dor insoportable. E que deambula como un pobre diaño que, cando se ri, semella que está vomitando todos os males que o corroen por dentro.

Sempre se dixo que a mellor versión do personaxe asomou na película “O cabaleiro escuro” (2008). Ata agora. Porque a partir de xa, este Joker non lle ten nada que envexar ó traballo de Heath Ledger. Como os dous acadaron o Oscar (Ledger e Joaquin Phoenix), agora cada quen que bote ou faga a súa propia quiniela. Eu non opino, simplemente digo que Joquin encarna marabillosamente ben a un pallaso temporal e aspirante a cómico de escenario a través dun sofisticado traballo co corpo. Non só porque perdera 23 quilos, senón porque usa esa fraqueza para resultar vulnerable e ameazante ó mesmo tempo. O Joker de Phoenix non só é un saco de ósos senón de contradicións: se é a sociedade a que asina a súa marxinación e o fracaso do seu soño de converterse en cómico, tamén é esa sociedade a que transforma a súa última actuación nun símbolo de desencanto. Un símbolo que, por outro lado, el nunca quixo ser.

Te puede interesar