Opinión

O pavor dos seus ollos

Sempre lle tiven pánico ós incendios que se producen en aldeas, vilas e cidades. Moito dese pánico débese ó impresionante barullo que se arma cando acontece o sinistro. Lembro aqueles berros ás tantas da madrugada e as campás da igrexa de Baños de Molgas tocando a rebato. Tamén a impresión que dá o son das sirenas dos coches de bombeiros. E o gran espanto, o gran pavor está nas vítimas que pode haber. Sempre imaxinei unha morte atroz causada polas lapas. Non quero imaxinar o que tivo que pasar unha anciá paralítica cando notou como as lapas a consumían na súa casa de Poedo no mes de novembro de 1901. Unha das mellores casas desa aldea de Baños de Molgas quedou enteiriña en puros cascallos e a pesar dos esforzos dos veciños. Enxoval, roupas, grans, todo canto había no edificio foi pasto das lapas. A maiores da anciá, completamente carbonizada, unha viúva e os seus seis fillos, que habitaban a casa, “quedaron sen máis amparo que o de Deus e o das persoas caritativas que quixeran favorecelas coas súas esmolas”, segundo rezaban as crónicas dese 1901. Penso na velliña e vénseme á cabeza o pavor dos seus ollos.

Te puede interesar