Opinión

O sosego do barullo

Levaba tempo sen escribir tan tarde. É a unha e cuarto da noite. Ou da madrugada, como dirían outros. Eu sempre preferín a noite. O de madrugada sóame máis entre as seis e as oito, máis ou menos. Prefiro a noite, porque me parece máis silenciosa. O silencio é o sosego do barullo. Si, a frase queda bonita. O silencio é a calma do alboroto ou da algarabía. Tampouco está mal. O silencio acompañado dun bo tema de jazz é coma quedar quietiño e deixarse ir polos soños da melancolía. Á unha e vinte e cinco da noite déixome ir polas rúas da miña contorna na procura dun azul que sempre me chamou a atención ou dun vermello que corre por entre os camiños da soidade. O tempo pasa ou voa, pero a noite segue e o silencio cada vez é máis  sosego, cada vez está máis acomodado á miña perspectiva do que quero. Quero escribir en silencio. Porque o barullo da música non é barafunda nin algareo. A música é quizais a que máis me introduce no silencio. Nese silencio que quero para sentir o ruído dunha risa que chouta ó vento cando algúns desexos se reflicten nun espello. As risas hai que alimentalas e coidalas; perpetúan a felicidade dunha conversa. Dúas menos vinte da noite. O silencio cada vez cabalga máis sobre a ausencia de ruído. No silencio non procede berrar, aínda que haxa ganas de esgazar o peito. Tamén é verdade que hai berros que se gritan en silencio. Si, berrar en silencio é algo triste. Deixemos entón que o berro se dilúa ás dúas menos cuarto da noite. Reservo entón o resto da noite para que o sosego sele ou prema os beizos do barullo.

Te puede interesar