Opinión

O tempo ten o seu aquel

Segue a chover. Sempre está chovendo. Dá igual. Non, non dá igual. Se chove, teño que ler no coche. No coche resúltame máis incómodo, e téntame o sono. Se non chove, leo fóra, andando, paseando. Paso mellor o tempo. O tempo ten o seu aquel. Pasa nun suspiro. Rende que nin o demo. O mesmo minuto de tempo pode ser o anverso ou o reverso. Que complicado é todo, carallo! Coma o tempo; tanto o climatolóxico coma o outro. Nunca chove a gusto de todos. Porque todos tamén temos as nosas cousas. Somos raros. Somos felices. Levamos o demo dentro. Flotamos en nubes de algodón. Soñamos na punta dun dedo. Sentamos nun bambán nostálxico. E bailamos no recanto dun soño. Os que sabemos bailar. Hai xente que non sabe bailar. Hai xente que só dá saltos. Que se meta atleta, por deus! A vida tamén é complicada. Vas. Vés. Corres. Quedas quieto. Ou vas lento. Non sabes que facer! Pensas. Asubías. Miras. Berras. Calas. E non pasa nada. Ou si. A auga non sempre corre; ás veces queda estancada, en remanso. Coma o tempo. Coma a vida. Menos mal que é poucas veces... o tempo pasa, a vida cambia. Segue a chover. Mañá escura. Mañá húmida. Non obstante, a claridade penetra ou furga pola fiestra da cafetaría. Para ver. Para pensar. Para escribir. Escribo que pasa un coche, que asoma unha muller pola praza, que entra un home na farmacia, que reflicten no cristal da ventá unha imaxes da televisión e que o tempo, o espazo deste relato rematou.

Te puede interesar