Opinión

O toxo

Hai tres substantivos que, en Galicia, van moito máis alá do significado que poidan reflectir os dicionarios castelán e galego. No xénero humano temos á muller, no reino animal está a vaca e no mundo vexetal aparece o toxo. A muller xa sabemos que é a alma de calquera galego. A vaca que foi e é a subsistencia da nosa terra. E o toxo... Segundo confesei e confeso sempre que o patrón de Galicia é o carallo, agora toca recoñecer que o toxo é algo así coma o himno galego ou o espírito do galego ou a cerna do noso país. O toxo é a cor a rebentar os ollos cando penetras en Galicia polo Padornelo. Logo, se o analizamos máis a fondo, vexo que o mesmo vale para un roto como para un descosido: desde darlle acubillo a un niño de paxaro ata amosarse en forma de tatuaxe na nádega dereita dunha muller, por exemplo. O toxo ata serve de símil para o carácter dunha persoa: es un toxo! O toxo é un recordo malicioso da infancia, de cando a un amigo o obriguei a tirarse a unha toxeira se quería que lle dera un cigarro. O toxo é o orballo dun sentimento, o freo a unha aceleración. O toxo é o xoguete dun burro e foi media vida do labrego. Foi cama das vacas e estrume para as leiras. O toxo é o deus dos montes galegos. A flor do toxo é a alma, a esencia, o fundamento da nosa idiosincrasia. A flor do toxo é a cor amarela que estoura, que rebenta nunha terra que é súa, que sempre será súa.

Te puede interesar