Opinión

Oculta tesouros

O filme “A +” (2004) empeza como unha película independente americana con traficantes de drogas, sigue como unha copia, como unha parodia de “Sobre o arco da vella”, continua como unha comedia adolescente con festival de Benicàssim incluído, e acaba como o rosario da aurora: non se pode negar que Xavier Ribera Perpinyà xogou nesta súa segunda longametraxe a mesturar todo tipo de influencias e referencias xenéricas, ás que aínda lle engade o cómic e algúns recursos, sinceramente, bastante irritantes.

A modo de exemplos, o porqué de que os créditos empecen ós 25 minutos do arrinque do filme antóllase un aviso demasiado parvo á vontade de pasmar como para terse en conta. Ou a confusión, que xa semella estrutural no noso cine, do punto de vista narrativo, que oscila entre a focalización en primeira persoa e a omnisciencia dun narrador que todo o sabe, sen decidirse por ningunha en particular.


E non obstante este “A +” que semella feito só para un sector máis intransixentemente adolescente, oculta algúns tesouros que convén non botar en saco roto. Un, o máis elocuente, é a súa vontade de innovación estética, a súa busca constante dunha linguaxe en imaxes (pero tamén en sons) que transcenda a anécdota dunhas historias xa moi vistas (as catro que se entrecruzan para tecer a trama do filme), ata erixirse nunha das propostas máis rompedoras e innovadoras dos últimos tempos.


Outro, o que Ribera xogue con moita intelixencia cos vellos recursos da vangarda histórica, da solarización ó retardamento do plano, dos violentos virados na cor a recursos de cadro a cadro. Pero con ser importantes, non todos os seus achados son unicamente formais: hai no filme un sentido do humor tan directo como intelixente (a historia de Carlos Fuentes e os dous pánfilos que o acompañan ó concerto) e unha historia de amor forte e insospeitadamente terminal e romántica.

E, non por último menos significativo, un rostro e unha actitude, os de Elvira Herrería, que xorden como un cálido sopro de renovación nun cine que, coa súa apetencia pola reiteración, tan cruel adoita ser cos actores mozos: desexémoslle unha longa estancia entre nós.

Te puede interesar