Opinión

Ollada no pobo

Unha rapaza de 30 anos, guapa, culta, liberal e cunha vida desafogada debe acudir á voda da súa medio irmá pero non quere presentarse solteira e sen compromiso tendo en conta que o seu ex noivo é o padriño. Así que non se lle ocorre nada mellor que alugar durante unha fin de semana os servizos dun chulo que se faga pasar pola súa parella, para o que se gasta 6.000 dólares. Vese que non ten amigos, ou igual é que non ten nin pés nin cabeza; tanto ela como a propia película. A absurda formulación de “O día da voda”, cuarta obra da descoñecida Clare Kilner, só lle podía seguir un desenlace obvio: o amor xorde máis alá do diñeiro, do disimulo e dun escuro pasado.

O peor da película é a pouca capacidade para demostrar narrativamente que nesa parella xurdira o amor e non a evidente meta á que había que chegar no guión desde o primeiro minuto. Todo elo aderezado cuns títulos de crédito dignos da portada dunha novela de Corín Tellado e unha banda sonora repleta de éxitos do pop máis suave.

A chegada a España dunha película procedente dunha cinematografía allea ás que habitualmente poboan as nosas salas sempre é benvida. E máis se esta trata un tema tan candente como a radicalización relixiosa. “O silencio da auga”, primeira longa de ficción dunha documentalista paquistaní chamada Sabiha Sumar, chega avalada ademais por varios premios importantes.

Ambientada en 1979, o filme narra con verosimilitude e paixón o proceso vital dun mozo aparentemente moderno e progresista que, pouco a pouco, vaille dando entrada na súa mente e nas súas actitudes ó radicalismo relixioso. Desta maneira, a directora escurece a historia e, ó tempo que desenvolve os profundos cambios do protagonista, conta o devir dun país centrando a súa ollada no pobo.

Sabiha Sumar denuncia o afastamento da muller, fuxe do esquematismo e atrévese incluso a utilizar o sentido do humor para demostrar a intolerancia e a perniciosa ausencia de dereitos básicos na cidadanía. Polo que a película adquire relevancia histórica mentres afonda no drama persoal.

Te puede interesar