Opinión

Os ceros á esquerda

Son as catro da tarde. Fóra hai sol. Dentro estou co ordenador e escoitando música. Penso, logo existo. Ou non. Ata eu mesmo recoñezo que algunhas veces, ou moitas veces, son un cero á esquerda. Que tamén xa é dicir. Hoxe é o Día Internacional da Muller. Quéroas a todas. E todos os días tiñan que ser delas. Porque sen elas, nin cero á esquerda nin o carallo bendito. Dixen que chovía? Non. Claro, porque non chove. Ó mellor a min si me chove. A ver, non sempre vou estar cordo. Tamén me falla a sensatez moitas veces Máis das que eu quixera. Cambio de música. Agora é Juan Pardo quen lle canta a Rosalía. A nosa Rosalía. A el, a Juan Pardo, bícano dúas nais e lle dan arrolo. A min bicábame a miña... das dúas maneiras: cos beizos e coas mans. Con estas, xa se entende, labazada vai e labazada vén. Pobriña, eran outros tempos. E grazas a elas, ás mans, foi polo que saín tan boíño. O de boíño dígoo eu, claro. Para os de fóra... Pero por que me vou meter en camisa de once varas? Mellor dicir que son as catro e sete minutos da tarde. Que se pensaba, existía; tamén é certo que aínda que non pense, existo igualmente. Os ceros á esquerda existen, que para iso se poñen á esquerda. Quero afogarme nunha lagoa de desexo, ou tirarme desde un balcón, ou realizar paseos á luz da lúa vella. Paseos á luz da lúa é moi bonito, moi poético. Din que o amor é poesía. Será. Un rap que sae na película “Gran Torino” fai que mova a cabeza ó seu ritmo. Definitivamente, tamén me gusta o rap. A ver, os ceros á esquerda temos que buscarnos a vida, e o ocio, e a nostalxia e unha historia para contar. Esta? Pois mira que é ben pobre, pero... 

Te puede interesar