Opinión

Os demos están aquí

Acabo de atoparme cunha cita de William Shakespeare que me vén como anel ó dedo, que me cadra ó xeito para este Pingas: “O inferno está baleiro, todos os demos están aquí”. Canta razón! Incluso xa algo comentei neste mesmo xornal de cando falei do envelenamento dunhas ovellas nun monte de Cualedro. Agora aconteceu algo moi semellante nunha aldea de Lugo. Non houbo envelenamento, pero si houbo e hai vinganzas sobre outros animais. Somos tan covardes que non nos atrevemos a ir directamente cara á persoa, e descargamos a nosa impotencia, a nosa maldade, o noso veleno, os nosos demos sobre os animais. Un gandeiro da parroquia de Esmoriz, en Chantada, séntese impotente ante un veciño que acirra ós seus cans para que lles atacan ás vacas. E semella que non é un caso illado, xa que os ataques ocorreron varias veces e a algún que outro veciño máis. Polo que contan, parece que nin a Garda Civil lle pode tusir ó paisano (por chamarlle dalgunha maneira) dos cans; seica se alporiza cando intentan traelo ó rego. E nestes casos, coma sempre, a xustiza queda de brazos cruzados. O propio concello de Chantada se lava as mans ante uns cans (de gran envergadura, seica) que andan soltos. Se no meu relato citado ó principio dicía que culpa tiñan as ovellas, aquí teño que dicir que culpa teñen as vacas? Hai outras formas de facer mal sen sacrificar animais. Porque neste caso, parece que xa se sacrificou unha vaca e outras acabaron abortando ante as carreiras e os sustos provocados por eses cans encirrados por outro can aínda peor.

Te puede interesar