Opinión

Os meus días

O outro día falaba dos días do pai, da nai, dos namorados e de case todo o habido e por haber. Hoxe, lendo este xornal, vin que en algún lado falaba do día internacional de..., pero como non lembraba ben de que era, déuseme por buscar na Internet e quedei aparvado ante as conmemoracións que se levan a cabo tan só no día de hoxe. Aí van: Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial, Día Mundial da Síndrome de Down, Día Internacional dos Bosques (este fora o que eu lera), Día Mundial da Poesía, Día Internacional de Nowruz (celebración do equinoccio de primavera). Día Europeo dos Arquivos, e Día Mundial da Marioneta. En tan só un día!

A verdade é que todo iso vén a conto porque, eu, do que realmente quería falar era do día de onte, 20 de marzo, o Día Internacional da Felicidade. No que recomendaban moi encarecidamente que “desconectar de dispositivos e da realidade virtual” seica está entre os factores claves para conseguir ser feliz. Poida que si e ata case aseguro que si. Pero ser feliz tamén se pode conseguir cun simple berro desde o alto dos Castros ou cunha sinxela mirada, dependendo, iso si, a onde se lance. Ser feliz é moi fácil. Agora mesmo eu son feliz; e iso que hai unha tarde espléndida para pasear á beira dunha lagoa e, non obstante, aquí estou, pechado e facendo que fago algo. A verdade é que eu case sempre son feliz: asubiando, cantando, berrando, correndo, sentado, escoitando música (iso sempre), escribindo, vendo películas, soñando, durmindo, tomando café (iso tamén sempre), soñando outra vez. Eu conmemoro felizmente todos dos días. Todos son Os Meus Días.

Te puede interesar