Opinión

Os topos

Osol reflicte na porta da lavadora nesta tarde de encerro da que perdín xa a conta do número que levamos. Pero é igual, a vida segue igual e confeso que eu estou a levalo ben. A min non me está angustiando a situación de verme pechado durante varios días. E se por un casual noto que quere entrar o desalento, penso axiña naqueles topos da posguerra para chegar á conclusión de que somos uns privilexiados. Isto mesmo seguirei a dicilo logo do mes que botaremos en corentena, e se é que o asunto non vai aínda máis alá. Os topos da guerra e da posguerra. Aqueles si que eran encerros. Moitos en tan só un par de metros cadrados (ou menos) e durante anos, moitos anos. En sitios sen comodidades. En covas, mesmo. En simples buracos. Sen nada con que matar o tempo. Nin tan sequera libros porque a maioría deles, naqueles tempos, non sabían ler.

Nós, hoxe, temos medo se saímos fóra. Eles, os topos, imposible de andar por fóra e con medo, moito medo dentro. Medo a que atinaran do buraco, do recanto, do oco no que estaban acochados. O coronavirus mantén pechados a grupos, a familias, a parellas; mentres que os topos estaban sós, case sempre ás escuras. Durante meses, durante anos, moitos anos. Algúns máis de 30 anos. E nós desesperamos ante o cuarto, o quinto, o oitavo día. Si, é unha boa mensaxe: cando desesperedes, cando vos angustiedes pensade naqueles topos que se encerraron durante anos e co medo roéndolle as asaduras. Así é que... ánimo, a manterse firmes que isto non é nada. Venceremos!

Te puede interesar