Opinión

Paga e traballa!

Sentado na terraza dunha cafetaría, á sombra. É dicir, que estou na gloria. Logo, para máis aquel, cóbranme polo café o mesmo que se o tomase na barra. Logo, para máis inri, sérvenmo. Digo isto porque, nesa semana que andei por certas zonas de Burgos e Soria quedei alucinado co asunto da hostalaría, máis en concreto das cafetarías, mesóns e bares. Entraba nun ou nunha, sentaba para que me atendesen, e quedaba a velas vir; ata que caía na conta de que había que ir pedir a consumición á barra. Despois, na maioría deses locais, quedei aínda máis pampo cando vía o “morro”, a “cara” que tiñan; sen andar con días santos, poñían os seus propios letreiros, os seus propios anuncios nos que advertían que non se servían as consumicións nas mesas. Ou sexa, que se as querías, amigo, apanda e vai por elas. Búscate a vida, cliente! Paga e traballa, caramba! Porque, para máis carallos, o café (que é o que tomo eu) é moito máis caro que en Ourense. E moito máis malo, claro.

A muller, por exemplo, xa desde o primeiro momento botouse ó descafeinado. Os camareiros de Burgos e Soria non sei que soldo terán, pero traballo, o que se di traballo, non levan moito. O cliente fai de camareiro. Sen soldo, claro. Cada vez estou máis convencido de que, practicamente en todo, vivimos nun sitio privilexiado. Temos a mellor climatoloxía do mundo e a mellor hostalaría.

Te puede interesar