Opinión

Una partida de brisca

Somos de sangue quente. Levamos o demo dentro. Desde que o mundo é mundo alporizámonos por unha mingurria de nada ou polo valor dunha palla. Ás veces chega cun simple sinal ou xesto de cando se xoga unha partida de cartas. Algo que debeu suceder a principios do mes de febreiro de 1930 (que xa choveu) en San Martiño de Betán, no concello de Baños de Molgas. Polo menos o día 8 dese mes asomou nos medios de comunicación a liorta que se levou a cabo entre algúns veciños de Sanguñedo cando estaban xogando tres litros de viño á brisca. Por unha simple xogada, por un simple sinal (quizais un chiscar de ollo ou un xesto co ombreiro...) un tal Arturo Feijoo Losada botoulle en cara a xogada, o aceno, o ademán a Diego Cid Guede. Este repúxose, faltaría máis. Mal feito. Por veces é mellor calar a boca e apandar aínda que se teña razón. Non calou e axiña notou sobre a súa cara dúas feridas, producidas, por suposto, por un obxecto cortante. Como as feridas seica eran unha cousiña de nada, o cronista adaptounas a unhas “caricias gatunas”. Aínda que, tan pouquiña cousa non debeu ser, porque o agresor, ou sexa, Arturo seica lle deu sebo ós pés ou marchou coma o peido do cu, porque cando a Benemérita o quixo deter xa non o atoparon nin por alí nin pola contorna.

Se pelexamos por isto, como non imos armar a do demo e a mona por un marco. Ou por unha galla que sombrea a leira do veciño. No 1930, no 2020 e no 3150. En Baños de Molgas, en Molina de Aragón e en Dakota do Sur. A carraxe, o veleno, a maldade, a ira, o demo aniñan sempre en nós.

Te puede interesar