Opinión

Película complexa

Cando alá polo febreiro de 2005 se estreou a película “Amor idiota” semellaba que prometía pola dirección de Ventura Pons, pola interpretación de Cayetana Guillén Cuervo e Santi Millán, e polo tema que trataba: o “da necesidade do outro”, segundo propias palabras do director.

No primeiro terzo desta desigual pero interesante película, o espectador teme o peor, pois a algunhas secuencias fáltalles, por exemplo, a graza, e outras están feitas como de présa e correndo. E non obstante, por unha desas milagres que se dan no cine, e nun momento determinado, algo así coma unha chispa asoma na longametraxe e as cousas empezan a endereitarse.

Cal é esa chispa? Pois, unha, para empezar, ten que ver coa determinación case demencial de Santi Millán por ser aceptado polo seu obxecto de amor, ou sexa, a inaccesible  Cayetana. Por certo, na maneira como o director amosa esta determinación hai moito de cariño, moito de retranqueira solidariedade coa súa criatura, á que trata sen paternalismos de ningún tipo. Outra chispa é o afán de contar a historia da insólita parella. Para iso, Ventura Pons deixa de lado outras historias moito máis convencionais ou menos atractivas para centrarse case en exclusiva na disparatada relación entre os seus protagonistas.

E outra, en fin, ten que ver co que fai grande a calquera comedia de enredos amorosos: a excelente química que se establece entre a parella protagonista; un Santi Millán que demostra o por que da aceptación popular ós seus papeis plurimediáticos; e unha Cayetana Guillén Cuervo que, a estas alturas ninguén descubrirá como unha actriz impecable.

Desde o punto de vista de Ventura Pons, hai no asunto da película “unha certa parábola do mundo contemporáneo”. E recalca que intentou retratar ese permanente desconcerto no que vivimos e a soidade do mundo occidental, algo tan destes tempos.

En definitiva, unha película quizais un pouco complexa para o espectador e que prometía máis do que é. Pero aínda así non deixa de ser unha particular ollada que Ventura Pons fai sobre unha parella en concreto.

Te puede interesar