Opinión

Película honesta e sólida

Unha película como “Planta 4ª” ten, a priori, dous problemas: un, que pertence a un subxénero particularmente tremendo e terrible do melodrama clásico, a película de enfermos (e peor aínda: de doentes graves); dous, que está asinada, rodada por un cineasta como Antonio Mercero, que arrastra unha fama, non por iso xusta, de ser proclive, propenso á lágrima moi fácil. Hai que engadirlle a isto que a película fala de adolescentes, case nenos, enfermos de cancro (o título da obra teatral que adapta, de Albert Espinosa, é “Os camorristas”), e terase claro o porqué dos temores previos.

Pero hai que lembrar que, máis alá dos prexuízos, Antonio Mercero (e con el os seus coguionistas, o propio dramaturgo e Ignacio del Moral) non só non se deixou levar pola facilidade, senón que, ó contrario, achegouse á situación humana destes personaxes cun coidado extremo, sen cargar xamais as tintas ou a man a cargo da fácil compaixón e tratando, en todo caso, de rescatar os momentos cotiás deses adolescentes que, antes incluso que enfermos, son rapaces con todo o que iso implica, con todo o que supón: un pouco soñadores, un bastante falcatrueiros; medorentos coma calquera fillo de veciño.

E o resultado é unha película honesta e sólida, cos seus momentos de emoción, home claro!, pero tamén de risa, incluso ata de suspense, cuns protagonistas que lle teñen postas a un as cangalleiras ou que lle toman a un as habenzas (incluso o máis coñecido deles, Juan José Ballesta, que a pesar das súas indubidables dotes para a interpretación cae con facilidade na sobreactuación), con algún mérito sobrante (a canción, enteiriña, de Estopa) e unha encomiable vontade de mostrar cunha ollada limpa a terrible vida diaria deses rapaces que sofren máis que bastante.

“Planta 4ª” tivo éxito porque é a típica película que chega ó corazón, aínda que, iso si, sexa, como dicía antes de forma fácil. Pero a vida, ás veces, ten situacións así de sinxelas. Na vida cotiá non buscamos chistes estrambóticos nin pensamentos raros; simplemente soltamos as cousas con sinceridade e punto.

Te puede interesar