Opinión

O penedo baleiro dun soño

Pedra sobre o penedo baleiro dun soño. Folla de amieiro que aterra nunha tira de papel con catro garabatos mal escritos. Silencio no bulebule dun pensamento. Hora de reloxo que marca o infinito e máis alá. Oxalá todos os heroes se sentiran anxos no purgatorio da ansiedade. Quen quere escribir un conto sobre o que foi e non volverá? Quen lle asubía a catro pardais que están pousados sobre o arame dun título de crédito? Hai películas que pasan polas meniñas dos ollos e non nos decatamos. Toxo sobre a cama mol dunha alegoría que ninguén sabe contar.

Sacho que cae sobre a terra dura dunha vida apagada, dunha vida que quere rexurdir por entre os reflexos dun espello roto. Cada quen que moldee a súa figura para que as liñas do seu debuxo marquen o instante, o momento da resurrección dun trono... e dun lóstrego. Verso sobre o encerado dunha mañá sentimental, na que o lapis de lousa percorre os camiños na procura dunha paz silandeira e dun proceso evolutivo que vai e vén, que anda e para, que acouga e traballa. O penedo baleiro dun soño dorme sobre un libro aberto que ninguén quere ler.

Te puede interesar