Opinión

Unha pequena gran idea

Foi durante a rodaxe de “En busca da arca perdida” (1981) cando Steven Spielberg se interesou por algo que inicialmente non era máis que unha boa idea. A xornalista Melissa Mathison faloulle ó director da historia dun extraterrestre indefenso amigo duns nenos na terra. Tras un intercambio de ideas e co aval de que escribira anteriormente “O corcel negro” (1979), Melissa empezou a traballar no guión de “E.T., o extraterrestre” (1982) o 8 de outubro de 1980.

Logo de rematar o guión definitivo do filme, Spielberg e Frank Marshall, supervisor da produción, empezaron coa faena da localización de exteriores para a Columbia, a cal xa dera un adianto da produción. Mais cando todo semellaba discorrer normalmente, esa compañía retírase do proxecto coa escusa de que era un risco gastar millóns de dólares na historia como a que Spielberg formulaba.

E por moito que se escribira sobre o tema, ninguén sabe seguro o auténtico presuposto do filme, aínda que se falou sempre moito de 18 millóns de dólares, unha cifra que semellaba normal para ese tipo de producións. Despois do éxito de “E.T”, seguro que os da Columbia se arrincaron os pelos polo seu erro, polo seu abandono.

Non obstante, o gran problema dese filme, que obsesionou a Melissa e a Spielberg era... como sería a criatura? Ante isto, contrataron os servizos de Carlo Rambaldi, un deseñador italiano afincado nos Ánxeles que xa traballara no deseño de “Alien” (1979), de Ridley Scott, e no remake de “King Kong” (1976).

Rambaldi entendeu inmediatamente a peculiar filosofía que lle daría o rostro do extraterrestre e, logo de tres versións diferentes, chegou ó actual E.T. Un modelo electrónico capaz de transmitir expresións visuais, de cambiar de color segundo as súas emocións e, o esencial, de lograr dar unha imaxe de tenrura, compaixón e credibilidade. Construíuse en fibra de vidro, poliuretano e caucho sobre un armazón de aluminio. Custou un millón e medio de dólares, das criaturas máis baratas que se fixeron nunca para o cine.

Despois realizaron a maior campaña de márketing da historia do cine e, ale... a voar! O filme voou marabillosamente ben.

Te puede interesar