Opinión

Pingas de recordos

Seica nevou sobre Baños de Molgas. Eu deixo caer pingas de orballo sobre un papel en branco para dicir que, non sei se é verdade que xa non neva como nevaba, pero si lembro aqueles días, varios días, nos que as vacas non podían saír da corte porque o monte estaba cuberto de neve. Lembro aquela serra de San Mamede que ensinaba o seu manto branco e que, cando diminuía, cando desaparecía, o río Arnoia non era quen de aguantar o estado líquido e ó chegar a Baños de Molgas non lle quedaba outra que asolagar a Pitediña, Os Campos, As Mestras, a Ansuíña e algunhas rúas.

A neve cubría durante días as leiras dos nabos; os que había que coller porque, as vacas, se non podían saír para o monte tiñan que comer igual a base de cubos de calda. Aínda que non houbera vacas, si había porcos ós que se alimentaban cos nabos cocidos no pote. Na collida dos nabos teño a imaxe do meu pai furgando na neve, por veces conxelada, para arrincar a carola, a cabeza do nabo. Non entendía como el conseguía collelos, cando eu nin tan sequera lograba estender por completo os dedos a causa do frío que sentía e tiña neles. E moito menos entendía como conseguía manipular no vencello ou na corda para apertar e atar o feixe dos nabos. Eu nin tan sequera levaba a cabo o facer medio nó en tal vencello ou corda. Os dedos non respondían. E doían.

Nevou sobre Baños de Molgas. Caeron pingas de recordos sobre un papel branco como a neve.

Te puede interesar