Opinión

Pobres ideas

Ai que demo, que non me sae nada! Refrego a fronte con forza por se as ideas están algo atrofiadas ou medio conxeladas e, coa calor, a ver se espertan; pero me parece que nada. Demo de cabeza a miña! Seguirei a botar man da música, que sempre saca a un dunha apurada. Vaia!, pois non me vai tocar escoitar o famoso “Thriller”, de Michael Jackson. Este anima a calquera. Todo un clásico xa da música. Logo, para máis aquel, con ese videoclip que resucita ós mortos. Ata case me está resucitando o que non me saía. Tampouco é que saia gran cousa. Polos berros que estouran polos meus auriculares, xa andan os zombis de Jackson facendo das súas. Sigo a rañar na fronte por ver se sae algo máis. Non sei, ver unha matrícula de coche que me emociona porque creo coñecela ou contemplar un paxaro que voa por entre os lóstregos dunha tormenta. Lóstregos. A verdade é que eu sempre lles chamei alustres ou chispas. O de lóstregos... non sei, quizais porque é certo que é unha palabra que me gusta; é potente, rápida, seca. Si, coma un suspiro. Da miña fronte, se a sigo friccionando, tamén pode saír a imaxe dun sorriso que brilla na distancia, un deses sorrisos que son melancólicos coma os asubíos. Xa sabemos todos que un asubío se o colle Ennio Morricone é moito asubío. E mirade que eu asubío ben, principalmente cando hai néboa, pero ante o mestre Morricone quítome o sombreiro. Será tamén melancólica a néboa? Deixo de refregar a fronte porque algo xa saíu. Pobres ideas, pero... que me encheron un Pingas.

Te puede interesar