Opinión

Polo corredor

Édomingo e reméxome na cadeira. Férveme o sangue e fumégame a cabeza. Ando coma león engaiolado polo corredor do piso. Miro para as paredes e boto lume polos ollos. Poño, por suposto, cara de ferreiro ou cara de acelga ou cara de vinagre ou cara de poucos amigos. Non teño amigos porque estou só, ando só. Quero pegarlle unha puñada á parede pero teño medo a mancarme na man. Dentro do que cabe non son parvo. Ando enfurruñado pero cos cinco sentidos alerta. O sexto está cheo de carraxe. Carraxe porque o tempo nin pasa nin voa. Rabia porque os soños son soños e non se fan reais. E non vale que me diga: esperta do teu soño, Breogán. Porque me chamo Breogán, e son o fillo da Parrula e do Parrumeiro. Cada un ten os alcumes que lle poñen. Pero non quero desviarme deste corredor polo que desfilo. Desfilo cheo de furor porque non teño quen asubíe ó meu lado. O corredor fáiseme pequeno e dou centos de voltas, ou incluso miles de voltas, ata que caio rendido. Porque toda a forza chega o momento en que se esgota. Eu tamén me esgoto. E berro con coraxe porque non me quero dar por vencido. A min ninguén me somete; nin que ninguén intente mirarme de mal xeito, porque lle parto a alma e esprémolle o fígado. Revólvome de mala maneira cando penso que oio un ruído. Non hai tal ruído porque non hai ninguén. Teño que padecer esta ansia, esta angustia, esta ansiedade eu só. Tranquilos que a padecerei. Sei facer todo eu só. Ata mirarme ó espello e ver o demo reflectido nel. Son o demo!

Te puede interesar