Opinión

Polo meu universo

Quixen erguer para marchar tomar café. Pero custábame un mundo darlle á saba para atrás. Seguín na cama un cacho máis. Pensando nos biosbardos. Ou no silencio convertido nunha sinfonía de Beethoven. Tamén pensei no universo, claro. No meu universo. Peguei unha reviravolta e quedei mirando para a ventá. Como a persiana estaba subida vin o ceo azul e o día claro. Xa era tarde. Tiña que erguer para ir tomar café. Hoxe non me apetece café. Que xa é dicir. Así é que peguei outra reviravolta e quedei mirando para a parede. Branca. Núa. Pensei na nudez dunha muller e era como contemplar a nostalxia gravitando polo universo. Por ese universo sen fin. Polo meu universo. Pechei os soños e seguín soñando coa alpabarda dun deixamento que se acoplaba de tal maneira á saba, á cama que non me entraba ningunha ansia de sacar os pés fóra. A nugalla ía máis alá do sono. E se tivera poder para alcanzar a capa de Supermán e voar? Voaría por enriba das leiras de millo e dos campanarios das igrexas e das lagoas secas para aterrar sobre o latexo do peito da muller núa. Cada latexo seu é un suspiro meu. E cada salouco é todo un universo. Quero erguer xa dunha vez para ir ó café. Fago forza na vontade, premo o que hai que premer, boto un pé fóra e logo boto o outro. Nun amén meto os dous pés dentro. Non hai maneira! Tapo coa saba incluso a cabeza e penso neses biosbardos orbitando polo universo. Polo meu universo. Hoxe me parece a min que non haberá café. Ás veces, un simple soño vale máis que toda a cafeína do universo. Seguirei engruñado.

Te puede interesar