Opinión

Polos acordes dunha banda sonora

Déixome levar polo asubío dun merlo. Nunca me sentirei só. O silencio é o mellor amigo da soidade e o ruído é a sombra do bulebule. Brincarei polas corredoiras de Baños de Molgas e arrastrarei os pés polas beirarrúas da Finca Fierro. Quizais non todos os soños son pesadelos nin todos os recordos bailan baixo a luz da lúa vella. Sempre quedará un raio de sol para acariñar a realidade dun consolo... ou a cuadratura dun círculo. Déixome levar polos acordes dunha banda sonora. Nunca durmirei diante dunha pantalla branca chea de imaxes, ou chea de soños que alguén soñou. Xa sei que ninguén imaxina un mundo cheo de momentos alegres porque a realidade é coma un camiño escuro que avanza cara á un pozo sen fondo... aínda máis escuro. E por moito que choute o pardal, a conciencia dun pasmón seguirá amorfa. Canta xente ten conciencia? Canto silencio hai na realidade dun vivir sen vivir? Déixome levar polo latexo dun bolígrafo e os catro versos que asoman din que a vida é algo máis que un reloxo colgado dunha parede branca. A banda sonora dun escrito marca o ritmo do que xa foi, do que é, do que será. Silencio no bulebule dun pensamento.

Te puede interesar