Opinión

Porque o silencio é calma

Furga o ruído por entre as sabas brancas do silencio, pero a tarde non dá para moito máis que un simple latexo de esperanza. Queda o consolo de ver como Batman anda polos tellados dunha novela barata. Son o Robin que devece por un cacho das súas ás. E deixo caer unha pinga de orballo sobre un papel branco. Pouco a pouco choro sobre mollado. Non obstante, volve a esperanza de que o silencio aniñe no máis profundo dos meus sentimentos. Porque o silencio é calma, e a calma é nostalxia, e a nostalxia é un brillo na mirada. Ergo da cama e contemplo o día cheo dunhas nubes brancas que semellan unha película romántica. Pero non hai romanticismo nun berro que esgarra o silencio. Sempre hai que berrar un pouco polo medo.

O medo é libre e treme o corpo ante a ignorancia dun desconsolo eterno. Así é que berro por un xuízo que non me chega, por unha luz que non alumea e por unha nube negra, moi negra que asoma polo horizonte da serra. Detrás do berro volve o silencio. Ese silencio cálido, agarimoso, sentimental e cheo de soños en primeira persoa do singular que se reflicten na terceira persoa dun verbo sen igual. Non quero que volva o ruído, e tampouco quero berrar. Quero quedar en silencio para que o tempo non estoure á miña beira e para que a vida pase sen estrondo, sen meter ruído. Quero asubiar baixiño un verso que vai e vén por entre as estrofas da concordia, por entre dúas caras que se miran, que se miran, que se miran. Pecho os ollos, vexo as caras, e soño.

Te puede interesar