Opinión

A proxectar verdades

Ten mérito, moito mérito celebrar este ano un festival de cine a causa desta pandemia que nos puxo todo patas arriba. Logo, para máis aquel, aquí, no noso país, a cultura nunca estivo moi ben vista. A cultura, en España, sempre foi o saco de boxeo sobre o que caen os golpes da ignorancia, dos ignorantes. Ou dos demasiado listos. De aí que sexa a que máis golpes reciba dos que ostentan o poder. Porque na cultura é onde adoitamos descargar os sentimentos ou as verdades máis profundas que levamos dentro. E sóubose sempre que as verdades mancan e doen.

Como mancarán e doerán os temas dalgunhas películas das que se proxectarán neste Festival de Cine de Ourense que, hoxe, pola noite, dá o seu disparo de saída. Iso é, aquí empeza a 25 edición deste festival. 25 anos. Vodas de prata, non si? Dise pronto, pero hai que pasalos. E como se pasaron aquí en Ourense! Case sempre con polémicas; principalmente políticas e menos de calidade. Penso que a calidade, ano tras ano, vai mellorando. Non sei, será como todo na vida: que a experiencia é un grao.

Vodas de prata para un festival que, quéirase que non, deixará un certo sabor amargo na boca. Porque a asistencia non será  a que debería ser para tal celebración, para tal acontecemento. A verdade é que é unha carallada: que a súa 25 edición se vexa minguada por este bicho que nos está asolando. Pero como dicía aquel naquela película: retroceder nunca, renderse xamais. E aquí estamos; nin os peores elementos serán quen de derrotar a este Festival que cada vez deixa mellor sabor de boca. Confío en que este ano sexa así.

Aproveito o espazo que queda para comentar que, por referencias, e en relación ás películas a concurso, non vos perdades “Cartas molladas”, que é desas que mancan e doen; “A illa das mentiras”, da coruñesa Paula Cons; “Corpus Christi”, nomeada ós Oscar como mellor estranxeira; o documental chileno “O axente topo”;  e a canadense “Falling”, que chama a atención porque está dirixida polo inmenso actor Viggo Mortensen. Pero xa sabedes que non hai mellor crítico que un mesmo. Así é que descubride vós mesmos o bo e o malo (oxalá sexa pouco) deste Festival que empeza xa.

Te puede interesar