Opinión

Que quede constancia

Xa estou preparado para que unha pinga de auga estoure sobre a conciencia dunha idea. Dunha idea miña. Non me importan moito as ideas dos demais. As ideas dos demais adoitan ser moi contrarias ós meus pensamentos. E eu son unha persoa que penso moito e que sempre penso ó dereito. Aínda que ás veces colla por dous camiños diferentes. Por exemplo, podo pensar nun tema musical de Víctor Manuel e estar escoitando a banda sonora de “Rambo”, ou podo camiñar pola beirarrúa esquerda dunha rúa calquera e non perder de vista a beirarrúa dereita. Pero xeralmente son un home que sempre penso ben para poder completar ou desenvolver algunhas boas ideas que sementarei sobre un papel en branco. É que quero que quede constancia de que son aquel que me fixo nos actos bondadosos dos pobres de espírito que non saben que camiño coller. Intento axudalos poñéndolle atrancos ó espírito maligno.

Souben sempre que hai moito espírito maligno solto. Por iso desexo que rebente a pinga de auga e que molle ou incluso que afogue a eses que non teñen conciencia. Eu, tan só eu, son quen de pintar flores de toxo sobre a pel dunha raíña e de asubiar un rap sobre o seu sorriso. Que ninguén me tome a mal a miña egolatría, pero son o que sempre está aquí para reconducir os esperpénticos actos daqueles que non teñen nin conciencia, nin ideas, nin pensamentos. Xeralmente, todos estades cegos.

Te puede interesar