Opinión

Quero unha revolución!

Cando eu era pequeno desexaba que chegara a revolución. Agora que son maior desexo que chegue a revolución. Pero a revolución non chega nunca. Vimos baixo a bota opresora dun poder cobizoso e inicuo. Vivimos tiranizados e asoballados entre sorrisos falsos de algodón e leis que se cospen por bocas famentas de fame. Fame de poder. Quero que chegue a revolución! Quero ser eu a bota opresora e a cadeira de brazos na que descansen todas aquelas ideas que se xungan coas miñas.

As ideas opositoras metereinas nunha formigoneira para amasalas e que se podrezan entre elas. Vivimos baixo o ollo de falcón que nos marca o percorrido dun sometemento rastreiro e baballoso. Agora desexo que chegue a revolución. Pero esta non ten un guía que flote por entre as conciencias amorfas dun pobo que morre. Eu quero erguer o espírito guerreiro, mais nin tan sequera consigo acumular lume nos ollos nin carraxe nas veas. Nin tan sequera teño unha machada para cortar as súas ideas. Tampouco habería cemiterios para albergar tantas cabezas. Vivimos baixo o poder duns malnacidos que nos cospen nese desexo revolucionario que non asomará nunca. Que nunca deixarán que asome. Por deus bendito, quero unha revolución! Necesitamos unha revolución!

Te puede interesar