Rápido coma un alustre

Rápido coma un alustre
Fun rápido coma un alustre. Non hai nin dez minutos que estaba no lugar no que estou, e xa volvo estar, claro. Eu son moi rápido. Sempre fun moi rápido. Se vou devagariño ou amodiño (que máis ou menos é o mesmo) e quero chegar axiña, bótome a correr. Non queda outra. E se vexo que aínda me custa máis o chegar, corro aínda moito máis ás présas. A verdade é que nin eu mesmo sei onde teño o tope de velocidade. Non hai moito corrín detrás do ronsel dunha avioneta e acabei aterrando con ela na Chaira de Vide. E alá polo mes de febreiro ou marzo (non lembro ben; ata poida que fose abril ou maio) corrín tanto que alcancei os restos dun meteorito (non creo que fose unha nave espacial) que cruzou o ceo coma un lóstrego, á altura do planeta Saturno. Fun tan rápido que aínda tiven tempo de lle dar tres volta ó anel dese planeta. Así é que non me estraña que tardase tan só dez minutos en volver ó lugar no que estivera antes. Fun facer un recado e, zas, xa volvía estar aquí. Onte mesmo fun tan rápido que corrín detrás dunha rula, e aínda que cheguei á súa altura, a moi condenada non se deixou pillar. E non porque voase máis rápido do que corría eu, senón porque sen o seu consentimento, ou sexa, sen pousar sobre o meu ombreiro, non lle toco, non a molesto. Non lle toquei. Non a molestei. Pero fun máis rápido que o suspiro que lancei.