Rebentar como una castaña

Rebentar como una castaña

Sobre o monte de Pinouzos de Baños de Molgas empezou a chover con forza e no alto da Chaira viña correndo Raimundo Consello Lagaña. Pantalón de deporte, camiseta de deporte e unha pequena pucha sobre a súa cabeza. O fillo da Valiña levaba anos correndo porque nunha arroutada que tivo ante unha copa de licor café díxolle a todos os clientes que había naquel momento no bar que... ata aquí cheguei!, ó mesmo tempo que ciscaba no chan os restos da bebida que aínda quedaban no cu da copiña. E xusto á media hora xa estaba correndo polas pistas e estradas achegadas á vila de Baños de Molgas. Pouco a pouco foi esparexendo o percorrido ata facelo por pistas dos concellos lindeiros. (Fago unha paréntese para aclarar que A Valiña chámase en realidade Valentina Lagaña Diosdado e está casada con Sadurniño Consello Saturno, O Piollo. A Raimundo, claro, chámanlle O Piolliño.) Dicía que no alto da Chaira viña correndo O Piolliño. Pois ben, ante tal tromba de auga, e para mollarse o menos posible (xa estaba coma un pingo, pero alá el), correu tanto, correu tanto que rebentou, que estoupou como unha castaña xusto ó entrar nas rúas de Baños de Molgas. Non lle quedou outra que sentar nun dos mazadoiros que había ante as casas para coller folgos.