Opinión

“A profesora de piano” | Recital interpretativo en el OUFF

La profesora de piano

Tan axiña como coñecemos o personaxe de Lara Jenkins na película “A profesora de piano” non queda outra que botar a vista atrás para que nos apareza “A pianista” (2001), de Michael Haneke, na que a actriz Isabelle Huppert deixou unha gran pegada no mundo enteiro. Non obstante, no filme que se presenta neste festival, non desmerece o impresionante traballo de Corinna Harfouch, que nos presenta a Lara, unha funcionaria berlinesa prexubilada que confronta os seus íntimos problemas de personalidade co poderoso influxo da música de piano. “A profesora de piano” (como se chamou curiosamente o filme de Haneke e da Huppert en varios países) é en realidade o enganoso título español e galego do orixinal “Lara”, que si sería moito máis adecuado para a odisea da nosa protagonista.

O director Jan Ole Gerster, que debutara de forma soberbia con “Oh Boy” (2012), imaxina a relación dunha nai obsesiva e un fillo inseguro. E entre eles o instrumento de marras (ou sexa, o piano) como escenario dunha batalla eterna. Cunha gran meticulosidade e unha posta en escena perfecta, a película retrata cunha claridade que asusta a frustración como o único estado certo da alma. É unha reflexión sobre o poder liberador da arte. 

Pódese dicir que “A profesora de piano” é a historia dunha nai feroz incapaz de soportar o medo ó fracaso dun fillo no que se ve reflectida; pero tamén é o retrato dunha muller cuxo exceso de celo e protección ocultan unha ferida que segue supurando, tan letal como común.

Xa dicía ó principio que a actriz Corinna Harfouch non desmerecía da gran Isabelle Huppert. Claro que, aínda que nós a descubramos neste traballo, ela é unha auténtica veterana que leva máis dun cento de títulos rodados. E neste filme logra soster cada plano cun traballo que tourea, que combate con enorme tenrura e con instintos moi pouco encomiables. Dálle forza a un personaxe antipático e torpe nas súas decisións pero bañado do íntimo misterio que imos descubrindo pouco a pouco. Unha muller condenada á soidade. Un auténtico recital interpretativo.

Te puede interesar