Opinión

Recompensa á súa loita

Ovenres foi o Día Internacional da Muller. O Día da Muller Traballadora. O Día da Muller. Houbo manifestacións por todos os lugares habidos e por haber. Co principal lema da igualdade. Cada vez que lía este lema en pancartas ou nos xornais ou na televisión, víñaseme á cabeza a miña nai. Principalmente polo da igualdade. Eramos catro homes e os catro ansiosos de que nos puxera a mesa para xantar e cear logo dunha escravizada xornada de traballo sementando as patacas ou botando no millo ou segando na herba, na que tamén participaba ela. Faltaría máis! E non deixaba  a xornada a medias para marchar para a casa a facer o xantar ou a cea. Si, home, o que facía falta! A ver se van rebentar os catro homes! Chegabamos todos xuntiños á casa; os catro homes sentaban na mesa e a muller, a nai aínda tiña que acomodar os porcos ou as pitas. E ese xantar que? Para cando esa cea? Ó rematar o xantar, dereitiños á sesta. Ela a lavar os cacharros e recoller a cociña. Ou seguir acomodando o gando. 

Ó rematar a cea, dereitiños para o café (o pai para a cama). Ela a lavar os cacharros e recoller a cociña. Ou seguir acomodando o gando. Por iso é que, hoxe en día, ó pensar na miña nai xa me chega para saber de que pasta está feita a muller en xeral e a labrega en particular. Coa miña nai eramos catro homes. Coa miña muller somos tres e a historia, o lema da igualdade... ufff, case, case segue igual. Recoñezo que o case é moi pequeno. Direino sempre: sen as mulleres somos toupeiras que nin o tacto nin o olfacto nos salvan para dar un paso dereito. 

E xa pode haber manifestacións a moreas, e xa poden ter apoios de todas as características que, a igualdade... a igualdade está chea de atrancos nun camiño demasiado longo. Tantos atrancos e tan longo o camiño que lles custará un mundo chegar á meta. Si, creo que chegarán algún día, pero vailles custar un mundo. Porque os homes somos como somos, a sociedade é como é. Oxalá erre e acaden esa igualdade en menos que canta un galo. Perdón, unha galiña. Vedes o asunto, a diferencia?; todo está baseado no xénero masculino. O patriarcado está no subconsciente de cada un de nós. Así é que non queda outra que exclamar:  forza e recompensa á súa loita! Con vós, ata o infinito e máis alá!

Te puede interesar