Opinión

O refuxio dos ineptos

Cada vez estou máis convencido de que o mundo é o refuxio dos ineptos, porque din que “a violencia é o derradeiro refuxio do incompetente”. A violencia, aínda que nos pese, está á orde do día. E tanto. Que repasando a prensa da semana que nos deixou, non houbo un día en que non asomasen actos violentos e algúns incluso moi violentos. E vou deixar de lado esa violencia diaria que nos arrodea, ou sexa, un maltrato aquí ou un asasinato alá; as violencias de xénero, as violacións, etc. Falarei desas novas nas que a violencia se amosa de forma salvaxe e coa conciencia de moitos completamente cega. Certo que, hoxe en día, quen ten conciencia?

Creo que xa van máis de 600 civís mortos nas represións en Myanmar, a que antes coñeciamos como Birmania. Tamén mortos e máis mortos en Darfur, unha rexión ó oeste de Sudán, onde por culpa desas represións hai case 200.000 desprazados desde o mes de xaneiro. Eses desprazamentos é outra forma, outra clase de violencia. Ata aquí, en España, nun campamento de Tenerife, houbo violencia nos enfrontamentos entre inmigrantes, con varios feridos graves.

Violencia no país das armas. Normal; en Estados Unidos ata pode facer uso delas un neno de cinco anos. Menos mal que, agora, Joe Biden xa empeza a recoñecer que a violencia armada no seu país é “unha vergonza internacional”. Lóxico. Con todas as matanzas que teñen. A última levouse a cabo hai uns días en Carolina do Sur. Cinco mortos.

Violencia en Irlanda do Norte con autobuses, coches e contedores esnaquizados ou en lapas e con case 60 policías feridos. Violencia en Mozambique con 12 estranxeiros decapitados. Posible futura violencia a causa da tensión entre Rusia e Ucraína.

Violencia con armas químicas ou con armas convencionais. Violencia con sacos e machadas. Violencia con coitelos de matar os porcos e con olladas. Violencia nos xestos e nas palabras que cuspimos cando se nos altera o sangue. Violencia na simple acción dun “quítame alá esa palla”, ou sexa, por calquera carallada. Levamos a violencia dentro de nós e non sabemos ou non queremos retela. Máis ben non queremos. Porque saber sabemos que é mala e, non obstante, deixamos que estoure, que explote para que faga canto máis dano mellor. Violencia nas conciencias porque non temos sentidiño.

Te puede interesar