Opinión

Relacións familiares

Apelícula “A verdade” nace dunha obra de teatro que o propio director do filme, Hirokazu Kore-eda, escribira en 2003, pero que nunca se representara. Segundo conta o director, ó principio estaba ambientada nun camerino, pero cando en 2011 a actriz francesa Juliette Binoche lle propuxo facer unha longametraxe xuntos, lembrouse daquel texto perdido. Colleuno de novo e cambiouno. E volveu a modificalo en cada reunión que mantivo coas dúas protagonistas do filme: a Binoche e a inmensa, grandiosa e marabillosa Catherine Deneuve.

Así é que o director xaponés transplanta os seus sinais de identidade a Francia cunha naturalidade impresionante. El, que nunca saíra de Xapón. E o seu taboleiro de xogo segue sendo o complexo universo das relacións familiares, nun reencontro dunha nai e unha filla en torno á publicación dun libro de memorias que a proxenitora (a gran diva francesa) titulou “A verdade”, para gran asombro e indignación da súa filla, a non menos grande Binoche. A abundancia de ceas, borracheiras, xogos, segredos, mentiras, recriminacións, remordementos e reconciliacións que compoñen o relato transcorren cunha fluidez, unha elegancia e unha frescura que resultan case milagreiras polo detalle ese de que mentres se rodaban as escenas o director non entendía o que dicían as actrices, polo que un tradutor lle tiña que borboriñar ó oído.

Pois ben, a pesar dese obstáculo, dese atranco lingüístico, “A verdade” é unha fermosa, divertida e sarcástica película sobre a impostura, o engano, sobre as relacións familiares, sobre as relacións sentimentais, profesionais e incluso sobre a impostura cun mesmo. E tamén sorprende cun tratado iluminado sobre o tempo, a arte e a beleza. E un inmenso tratado sobre Catherine Denueve. Porque si, a Binoche está moi ben, marabillosamente ben, pero a Deneuve... a Deneuve xa son palabras moi maiores; ela ilumina o filme. As dúas despregan na pantalla unha clase maxistral de actuación. Os seus desencontros son tan explosivos como as súas olladas; hai xeo e fogo, carraxes confesadas e emocións ocultas. O típico: unha nai e unha filla.

Te puede interesar