Opinión

Resumo do 2019

Opinión

Resumo do 2019

Antonio Rivas
photo_camera Antonio Rivas

Rematado o ano cinematográfico comercial, imos alá co típico resumo que adoito facer sobre as estreas que pasaron pola cidade de Ourense, é dicir, polos cines da Pontevella. E dixen comercial, porque de todos é sabido que aquí non meto para nada as que se presentaron e se estrearon no festival de cine.
Empezo logo para dicir que, consultados os meus apuntes, acabo de levarme unha gran decepción, xa que as estreas baixaron bastante en relación coas do ano pasado, coas do 2018; nada menos que 14 filmes, é dicir, coma se eliminásemos o mes de outubro deste ano, que xusto se estrearon 14 películas. Aclarando: no 2018 estreáranse 145. Este 2019 queda con 131. A terceira peor marca desde que levo controladas as estreas anuais, desde o ano 2009. No 2013 foron 118 e no 2012 foron 125. A verdade é que o cine, incluso comercial, en Ourense é pobre, moi pobre. Estréanse aquelas que teñen moito éxito económico (que non quere dicir que sexan boas, nin moito menos!), pero quedan fóra aquelas ás que si lles podemos chamar de auténtico cine. É certo, é o que hai e é o que temos. Non somos Madrid nin tan sequera Santiago.


Buscando e rebuscando entre os meses van asomar aquí aquelas películas que, ou ben impresionaron pola súa calidade ou ben varreron polo seu éxito económico. No mes de xaneiro “O vicio do poder” mostrounos a un Christian Bale descoñecido; en “A favorita” asoman Emma Stone e Rachel Weisz. No marzo, á Marvel, non chegándolle cos seus súper heroes, lanzou a unha heroína, á “Capitana Marvel”. Clint Eastwood apareceu con “Mula” e Pedro Almodóvar con “Dor e gloria”. Xa que dixen algo da Marvel, zas, no abril estrearon “Vingadores: Endgame”. No maio, asomou a medio celanovesa “Elisa e Marcela”, de Isabel Coixet. No agosto apareceu Tarantino con “Érase unha vez en... Hollywood” e o noso Tosar con “A quen ferro mata”. No setembro foi Amenábar con “Mentres dure a guerra”. No seguinte mes impresionaron “Joker” e o seu protagonista Joaquin Phoenix, así como “O que arde”, de Oliver Laxe. E a que quizais sexa a mellor de todo o ano chegou no novembro: “O irlandés”, de Scorsese. No decembro apareceu a de máis recadación: “Star Wars IX: O ascenso de Skywalker”.