Opinión

Resumo do 2020

Resumir o ano cinematográfico que nos acaba de deixar é, pois, case semellante a resumir a nosa vida neste fatídico 2020, por culpa desa pandemia que nos ten fundidos desde o mes de marzo. O covid-19 trastornou o ano, a nosa vida e todo o que se lle puxo por diante, incluído o cine. A este, o pobre, case se pode dicir que o fundiu por completo.

En Ourense, as estreas cinematográficas estaban, como media, entre 10 e 15 mensuais. No mes de marzo estreáronse o día 6 catro, e xusto cando se estrearía algunha máis, zas, asomou o confinamento ás nosas vidas. Xa non tivemos cine ata o mes de xullo. Case catro meses sen estreas, sen cine. E despois, aínda que si houbo cine e por aquilo do aforo, que dicir... Menos mal que nesta columna en ningún ano falei das recadacións, senón que as dediquei sempre á cantidade e calidade das cintas a estrear. Entenderase que as recadacións, este ano, son máis que paupérrimas; entre que estiveron pechados e, logo, o aforo.

Non obstante, e aínda que o ano foi pobre de solemnidade, tanto economicamente como en estreas, non queda outra que facer igualmente o típico resumo anual. Porque a vida, foi, é e segue. Houbo cine, haino e grazas a Deus haberao. Aproveito para comentar o de sempre: que nestes resumos non entra o OUFF, o Festival Internacional de Cine de Ourense, que, por certo, e tamén grazas a Deus, o bicho ese non foi quen de botalo para atrás.

En total, no 2020, estreáronse en Ourense tan só 88 películas, cando en anos anteriores se estreaban entre 135 e 150 películas. Como se ve, o covid-19 pegounos un bo pau. O mes de xaneiro foi o máis prolífico do ano, que se estrearon nas nosas salas comerciais 16 filmes. Ó seguinte mes xa baixaron a 11. No marzo, o dito: 4. Abril, maio e xuño, pechados. No xullo estreáronse 15, das que 3 foron algo así como reestrenos (“Cinema Paradiso”, “Dersu Uzala” e “O labirinto do fauno”), quizais como celebración á nova normalidade. No agosto chegaron a Ourense, 7. No setembro, 6. No outubro subimos ata 14. Logo, coma un bambán, no novembro baixamos a 5 e subimos no decembro a 10.

Estamos xa no 2021 e oxalá nunca se volva repetir esta situación tan estraña na nosa vida. Porque se hai cine sóñase moito e soñar é moi bonito.

Te puede interesar