Opinión

Resumo do 2022

Tal resumo tocaba facelo a semana pasada, pero para non deixar a medias a vida e filmografía de Blake Edwards, foi polo que o atrasei unha semana. Pero como dixera, os datos non se moveron. As 136 películas que se estrearon na cidade das Burgas no ano 2022 non fuxiron dos meus listados. Tal cantidade pensaba que me faría exclamar que o cine en Ourense vai de capa caída. Mais pegándolle un repaso a eses listados chego á conclusión de que, máis ou menos, todo segue igual. Teño datos dende o ano 2008 e as estreas van dende as 118 do 2013 ata as 145 dos anos 2016 e 2018. Certo é que no ano 2020 tan só se estrearon 88 e 129 no 2021, pero foron os anos da pandemia. É bo salientar o dato, pero non podemos afianzarnos nel porque aí perdéronse meses de estreas cinematográficas.

Agora, se tales datos os distribúo polos meses do 2022 direi que os meses de abril e outubro foron nos que máis estreas se realizaron: 16. No mes que nos acaba de deixar, decembro, caeron 15. Foron 14 as que se estrearon no mes de setembro. En novembro apareceron polas salas, 12. Unha menos, é dicir, 11 en febreiro. En xaneiro, maio, xullo e agosto caeron 9. E rematamos con marzo e xuño con 8.

O derradeiro parágrafo déixoo para salientar aquelas que me chamen a atención; ou ben pola súa ficha técnico-artística ou ben por temática ou detalles diversos. Jessica Chastain e Penlélope Cruz apareceron xuntas en Axentes 355. Guillermo del Toro estreou O canellón das almas perdidas. Paco Plaza amosou de novo o terror en A avoa. Tres estrelas como Tom Holland, Mark Wahlberg e Antonio Banderas protagonizaron xuntos Uncharted. O filme Código Emperador diríxeo Jorge Coira e interprétao Luis Tosar. Álex de la Iglesia estreou Veneciafrenia e tamén O cuarto pasaxeiro. Volveu Tom Cruise coa continuación de Top Gun, ou sexa, con Top Gun: Maverick. Brad Pitt apareceu con Bullet Train. O guapo Clooney e a gran Julia Roberts actuaron xuntos en Viaxe ó paraíso. Repuxeron Avatar no mes de setembro porque tres meses máis tarde chegou Avatar: O sentido da auga (da que falarei o venres que vén). Das españolas impresionou As bestas, cun inmenso Luis Zahera. E todos os meses, faltaría máis, houbo películas de animación, que os nenos son os que levan os pais ós cines.

Te puede interesar