Opinión

Sobre ruídos e silencios

Roubeille un cacho de silencio ó ruído, e quedei sosegado, moi tranquilo. Certo que o ruído non era moito. Estaba escarranchado sobre unha galla dun carballo centenario das Mestras, en Baños de Molgas. O pouco ruído existente producíao unha pega ó lonxe e as augas do río Arnoia. As augas do río Sor, nesa zona, están tan calmas que non fan ruído; mesmo semella que nin existe o silencio.

Hai ruídos bonitos. O das augas correndo é un deles. A proba é que, para un servidor, o ruído das ondas do mar é o máis bonito do mundo. O ruído do mar é case coma un orgasmo sexual. Certo, case. As cousas como son.

Outro ruído bonito, aínda que sei que para moitos xa é algo molesto, é o son das campás da igrexa de Baños de Molgas. Cada quince minutos dálle que dálle; pero mirade se é bonito que a maioría das veces nin nos decatamos de que soaron. Ás veces nin cando toca o reloxo as doce, que é cando máis badaladas solta. É tan bonito que xa nos afixemos a tal ruído.

Desde o alto do carballo o silencio, hoxe, mesmo esmorece, debilita a fermosura deses ruídos que case non son ruídos. Porque dentro mesmo do murmurio, do ruxerruxe, o sosego, o meu sosego é como unha felicidade preñada de sexualidade. Agora cada quen que compare o ruído co silencio ou o silencio co ruído.

Te puede interesar