Opinión

O ruxerruxe dunha alucinación

Fun polo vento atravesando as Costelas e vin polo aire cruzando as Parrumeiras. E entre a ida e a volta vin cousas que ninguén viu, como bambearse unha doniña sobre a galla dun castiñeiro ou como cantar un grilo desde o alto dun penedo. Choutei sobre os valados do Caneiro e deixei que unha rula se pousase no meu ombreiro. Fun polo vento e vin polo aire. Pensando en como romper o feitizo dunha ilusión. Hai devezos ou anhelos ou soños que nos viran as asaduras, polo que non queda outra que botarse a correr e berrar, berrar moi forte. Berrar con ansia. Berrar con degoiro. Berrar incluso por berrar. Que todo sexa polo ben de cada un. Polo ben da rula que voa á túa beira. Polo ben dese silencio que, ás veces, mingua os berros. Fun polo vento percorrendo os Xeixales e vin polo aire eludindo as matogueiras dos Piuales. Pero o caso é que fun e vin naqueles minutos nos que a conciencia estaba en calma e os latexos dunha ansiedade acougaban acochados sobre unha nube branca que facía de almofada. Sempre temos dereito a tomar a vida con sosego, aínda que por veces nos ferva o cerebro. Fun polo vento e vin polo aire. Meditando, considerando o ruxerruxe dunha alucinación que descansaba na copa dun palleiro da aira do Pombal. Sempre haberá delirios de grandeza na cabeza de cada un. E aquel que non queira soñar esperto que deixe de ir e vir por entre o aire e o vento. Eu si que fun polo vento e vin polo aire. No vento sentei á memoria e no aire deite á nostalxia.

Te puede interesar