Opinión

Saír o conto furado

Os días festivos moita xente non adoita traballar. O día da Nosa Señora do Pilar foi festivo. Porque seica foi o Día da Hispanidade. É dicir, algo así coma unha homenaxe a aqueles españois que, na conquista de América, fixeron as do demo e a mona, unha esganifa. Non obstante, eu tiraba máis polo camiño de asueto nun día festivo. A Malaquías Menseiro Hebra saíulle o conto furado. Porque ese día festivo, el e máis a súa dona Dalia Xusta Latenda marcharon para a aldea a traballar abondo. Dedicaron a mañá a transportar nun tractor postes de formigón, de considerable tamaño (máis alá dos dous metros), desde a leira na que os tiñan ata a casa, a uns cincocentos metros (centímetro arriba, centímetro abaixo). Tan só podían cargar 22 porque o remolque do tractor está medio agonizando e as rodas podían, con moito peso, estourar e dicir ata aquí chegamos. Malaquías e Dalia realizaron tres viaxes. Podían aínda facer unha cuarta pero a canseira xa se notaba nas súas faces e, faltaría máis, no seu lombo. Así é que, a iso das doce e algo, optaron por non ir buscar máis. Malaquías preparouse para a ducha, mais a súa dona (onde falte unha muller...) comentou de ir pola tarde buscar unha pouca leña. Nun día festivo! Pero, quen nos guía nesta vida? Non quedou outra que deixarse guiar por Dalia Xusta. A Malaquías Menseiro Hebra non lle quedou outra que pillar a motoserra e bailar coa Nosa Señora do Pilar entre catro piñeiros ata as catro da tarde.

Te puede interesar