Opinión

Salvar ó soldado Ryan

Este Spielberg faime cada encargo... Mandoume unha carta o outro día e pediume que, por favor, atopase ó soldado Ryan. A verdade é que non sei de que me coñece a min Steven Spielberg. Pero como non lle quero facer un feo (quéirase que non é unha eminencia cinematográfica, e eu amo o cine), contesteille que vale, que si, que poría toda a carne no espeto ou todo o engano na bica -que tamén vale- e que buscaría e atoparía ó soldado Ryan. Son eu o tal para deixar algo a medias. Se busco, atopo.

Así é que non falo máis da carta nin do encargo e póñome á faena. Vou á biblioteca primeiro, para saber quen carallo é o soldado Ryan. Vaia; non é peixe podre, o rapaz. Baixo a paso de cadela, ou sexa, a fume de carozo con dirección á piscina municipal. A ver se ó rapaz lle deu algo e afogou na pía. Cruzo a Ansuíña e nas Mestras mirei no oco dun carballo vello, por se se escondera alí do inimigo. Sabía que era algo así coma un heroe, pero, xa se sabe, ás veces, un cágase pola perna abaixo por unha simpleza. Crucei o Arnoia cara á Pitediña e volvín cruzar aquel para buscar por todo o monte de Pinouzos. Onde máis me detiven foi no Guichón. Subín ó alto da Chaira e quixen aforrar tempo e andainas; polo que metín dous dedos na boca e asubiei. Despois dos asubíos, berrei polo carallo do Ryan ata que esgacei a gorxa. E mirade, tiven sorte: oín coma un xemido, coma un salouco no Río Vello. Alá marchei correndo. O desgraciado, en vez de cargar adrenalina pinchándose, tirárase ós toxos. Alí estaba estomballado entre unha toxeira. Chamei o Spielberg e a eminencia só me deu un grazas. Ai que ver como é a xente...

Te puede interesar