Opinión

Segundo como se mire

Venres 13. E que? En España o día malo é o martes 13. Sempre haberá países que irán ó revés de nós. Como nós iremos ó revés deses países. Xa se sabe, segundo como se mire e quen mire. Lémbrame isto a que nós baduamos contra os musulmáns, por exemplo, cando se fincan de xeonllos e se dobran e desdobran para rezar. Como se nós fósemos máis honrados; que aínda en algúns lugares se achega xente andando en xeonllos ás igrexas. Ou eses que se flaxelan. Ou como para poñer de exemplo toda a carallada da procesión esa da Virxe do Rocío. Baduamos contra esas árabes ás que non se lles ve nin tan sequera os ollos da cara, cando non hai moito tempo as nosas mulleres ían ás igrexas recatadiñas e con aqueles velos que algunhas si cubrían toda a cara... como as musulmás.

Gústanos latricar. Esbardallamos moito (outro exemplo) contra eses inmigrantes africanos que invaden as nosas costas e que seica veñen vivir á nosa conta. A ninguén se lle dá por pensar nas atrocidades e calamidades que lles levamos nós cando arrasamos os seus países na procura dos seus minerais ou das súas riquezas. A ninguén se lle dá por analizar que a nós, precisamente a nós, moitos países nos acolleron logo da machada fascista e, despois, nunha fuxida da miseria. O asunto, calquera asunto depende de quen o mire ou como o mire. E dá igual que sexa venres 13 ou martes 13; o caso é querer levar sempre a razón ou querer ensinar ben o camiño, aínda que este sexa torto coma eses países que sempre andan ó revés. Sempre. Porque nós sempre somos os que andamos ó dereito.

Te puede interesar