Opinión

Semana clave

Hoxe empeza a semana clave para a realidade, digámolo así, do coronavirus, do avance ou non avance do covid-19. A semana na que empezan os colexios. A semana da precaución e, por que non, do medo. Entendo a eses pais que teñan o medo metido no corpo. Porque a situación da pandemia non está nin moito menos controlada. Non obstante, confío moito máis na propia responsabilidade dos cativos que na dos adultos. Hai chistes e comentarios nos que os nenos se intercambian as mascariñas, nos que a distancia de seguridade brillará pola súa ausencia, etcétera, pero non sei por que dáme que os cativos serán os que máis e mellor respecten as normas. No confinamento que mantivemos, e por oídas, seica foron os que lles deron auténticas leccións de comportamento ós pais. Non teño fillos xa en idade escolar, pero desexo de corazón que oxalá ningún deles, ningún, se vexa afectado por ese bicho, porque para min un cativo é o máximo desta vida nosa.

Quen si se viron afectadas por esta maldita pandemia foron as novenas de Os Milagres. Xa comentaba a semana pasada que as novenas non serían novenas, e puiden comprobalo o venres pasado. Alá marchei á misa das sete da tarde e hai que recoñecer que non son as mesmas novenas. Pouca xente na igrexa. Pouca xente fóra. E o peor, a estampa que ofreciamos co bozo na boca, na cara era un pouco de desolación. Ou o dito outras veces: de película de ciencia ficción. Emporiso, na misa, principalmente na predicación (non se dan de conta de que son algo pesados e aburridos), e quizais por esa sensación de aburrimento, o pensamento sempre se vai pola morte da burra.  Déuseme por pensar que, con pandemia ou sen pandemia, e para aliviar a miña aflición, a miña nai si estaría alí ó pé do canón todos os días. Porque, aínda que temos o San Salvador de Baños de Molgas a metro e medio da casa, a Santiña do Medo para a miña nai era moita Santiña, moito máis que o propio patrón da vila. Pinta de novenas, este ano, non hai, pero emocionar emocioneime.

Hoxe mesmo, que son as novenas sen o Rosario das Antorchas?, que son as novenas sen o Día 8? Non ver hoxe o recinto iluminado coas velas ou mañá cos panos brancos abaneándose ó vento, é coma perder o 99% da esencia deste evento relixioso.

Te puede interesar