Opinión

A Semana Santa de antes

Empezamos a Semana Santa e... de santa non ten nada; pola pandemia da covid-19 e porque o seu concepto relixioso xa hai moitísimos anos, incluso décadas, que non existe. Agora todo se basea no turismo. Lembro aquelas Semanas Santas dos 60 e 70 que, dentro do que cabe, ata chegabas a pensar profundamente no seu significado relixioso... aqueles cravos na cruz, aquelas bágoas de sangue, aquelas procesións... Certo que a semana esa tan só consistía no Domingo de Ramos, no Xoves Santo pola tarde e no Domingo de Pascua.

O Domingo de Ramos, para un rapaz, tiña o aliciente das pelexas dos loureiros á entrada da igrexa ó asistir a misa. Estas pelexas levábanas a cabo aqueles que podían levar uns loureiros grandes, por veces, enteiros. Outros non podiamos, e non polo loureiro en si, senón porque tan só levabamos unhas ramiñas de nada, de cinco ou dez follas; non fose o demo que se nos dese por pelexar na igrexa. E era a miña nai a tal como para deixarme facer iso.

O Xoves Santo tan só era festivo pola tarde. Recordo que a maioría das veces andabamos arando (porque, sendo rapaces, tiñamos vacacións nos colexios, ou sendo xa adultos, tiñamos vacacións nos traballos e os pais tiñan que aproveitarnos para as labores agrícolas), e estabamos pendentes do reloxo da igrexa de Baños de Molgas para que tocase as doce do mediodía e así deixar de traballar. E coidadiño de pasarse, que podía aparecer a garda civil e entón si que se pasaba unha semana de paixón. O Venres Santo tan só era festivo ata as dez da mañá; aínda que, pouco a pouco, iso deixouse de respectar. As tardes deses venres tan só me producían envexa, por ver desde A Cortiña a aqueles veciños molgueses camiño dos Milagres para asistir ó desencravo, mentres este paspán que escribe andaba a sementar nas patacas. Non lle chorei veces á nai para que me deixara ir (canta devoción, meu Deus!), pero non había maneira. Entenderedes que o da devoción ten retranca, xa que o único que quería era deixar de cavar.

O Domingo de Pascua... este merece un Recuncho á parte. Porque, hoxe, cada vez que penso no atropelo que cometía a Igrexa ó bendicir as casas, éncheme de tal carraxe que, repito, merece un Recuncho Hebdomadario enteiro. Del falaremos entón a semana que vén.

Te puede interesar