Opinión

Sempre hai algo

Cheguei. Cheguei onde tiña que chegar. E, ó chegar, alguén me dixo que escribise. Fágolle caso. Escribo sobre o verme luceiro da aurora e sobre un sentimento que se escapa, que fuxe, creo, que dun poema. Agora anda ese verso solto choutando dos esperpentos dos soños ós biosbardos dos desexos. Escribo sobre un dos cornos da lúa nova e sobre as antenas parabólicas daqueles que se cren demasiado listos. Sempre haberá xente que pensa que estará por enriba do ben e do mal. Claro que un servidor loitará, como heroe en soidade, contra aqueles que pensan que dominarán o mundo e que poderán camiñar sobre as augas. Sobre as augas, todo aquilo que é pesado, afonda. Como afondan as carraxes de ferro e os ruxerruxes que conteñen veleno.

Escribo sobre o coche vermello que pasa e sobre o aire que levanta algunhas saias. Escribo sobre o asubío que traspasa carballeiras e montañas, lagoas e casas; e certos pensamentos que caeron en novelas baratas. Non hai como escribir a historia ó dereito, pois ó revés ninguén a entende. Escribo sobre o tema musical que escoito e sobre o sorriso enorme e branco que sae por un balcón nun momento concreto. Escribo sobre o demo que levamos dentro e sobre aquel verso solto que aínda anda perdido e, quizais, buscando un latexo. Escribo sobre o momento no que teño que marchar, porque todo ten a súa fin, o seu reverso, a súa contra. Chegar e marchar. Ir e volver. Correr e parar. Escribir e ler. Empezar e rematar. Escribo porque sempre hai algo para contar.

Te puede interesar