Opinión

Sempre música

Carpetas, papeis, libros sobre a mesa. Cables, mandos, bolígrafos sobre a mesma mesa. Está a piques de rematar o tema “Round Midnight” de Thelonious Monk. Puro jazz. Xa rematou. Agora escoito a Stephane Grappelli no seu álbum “Tributo to Django Reinhardt”. Música. Sempre música. Música ó camiñar. Música ó escribir. Música ó traballar. Ó traballar, na oficina ou na viña. Dá igual. O caso é notar como penetran no sangue os ritmos, as sensacións, as letras, as voces, as músicas. O ritmo fai mover os pés. A cadencia fai mover a cabeza. O compás fan tamborilar os dedos. A música amansa ás feras. É verdade. A música é notar como a melancolía senta nas cadeiras dun soño. Ou no verde céspede dun campo cheo de sentimentos. Baldosas, armarios, electrodomésticos pola cociña. Un calendario, un reloxo, unha televisión na mesma cociña. Segue o violinista francés co seu jazz a costas para que a un servidor se lle mova a cabeza, lle tremen os pés e lle bailen os dedos sobre unha mesa de madeira. Non queda outra que berrar ben forte: música, mestre! E baixo a melancolía dunha arte que é a mellor compañía de todas e coa que ando a todas as horas, empezo a recoller todo o que teño sobre a mesa da cociña e baixo un soño, un influxo, por suposto, musical. Sempre música.

Te puede interesar