Opinión

Sempre pola sombra

Case morro, pero por sorte non morrín. Levei un golpe tan duro que aínda teño o susto metido no corpo. Pensei que morría. De verdade. Pero non morrín. Son duro coma un penedo. Coma o penedo de Barricobos de Baños de Molgas. A cousa foi seria. Cando vin que o asunto se aproximaba, xa lle tiven medo. E quixen escapar pola tanxente de todas as formas posibles, pero non houbo maneira. Perseguiume o resto da tarde, toda a noite, toda a madrugada e incluso hoxe pola mañá. Perseguiume o asunto, o susto, o medo, claro. Pola noite, pola madrugada e incluso nas primeiras horas de hoxe a onda ou vaga de calor brillou pola súa ausencia. Menos mal. Porque onte case me matou. Pero non morrín. Houbo momentos nos que lle cheguei incluso a suplicar e implorar. Mesmo cando me sentei nun momento dado nunha pedra do atallo (á sombra, si, senón acababa de rematarme), boteime a chorar para que parase ese calvario. Era coma unha viacrucis! Non obstante, aquí estou; aguantei coma os heroes. De cando en vez é bo aguantar paus coma estes para coller experiencia e aprender dos erros. Así, para a próxima, xa sei que non se pode saír ás horas da canícula; e se non queda máis remedio, ir pola sombra. Sempre pola sombra. Teño o susto, é dicir, o medo metido no corpo. En nunca tal me vira. Tamén é verdade que agora é bonito desafogar ese medo. E queda tamén como unha lección para saber que hai que ir sempre pola sombra e non retar ou desafiar ó sol, que, este, cando quere abrasar, carallo se abrasa. Pensei que me mataba. Pero, por sorte, non morrín.

Te puede interesar