Opinión

Sen calmar a sede

Non sei calmar a sede. Porque aínda bebendo, estou a pensar nos biosbardos que están acochados detrás daquel penedo. O que está alá, na distancia, ó lonxe, alá onde non se ve tal penedo. Pero intúoo. Porque a miña intuición é moito máis aguda que calquera heroe da Marvel, por exemplo. Tampouco é moi necesario que pense nos da Marvel. Hai heroes por todas as partes. Heroes anónimos. Eu mesmo. Ninguén o sabe, pero son o heroe que baila o bolero de Ravel por enriba dunha simple cadeira. Para asubiar prefiro a Marcha Imperial de John Williams. Ou calquera tema de Ennio Morricone. Aínda que o que mellor asubío é a Marcha do Coronel Bogey, esa mesma que sae en "A ponte sobre o río Kwai". A verdade é que son moi quimérico. Pégolle outro longo trago, pero sigo sen calmar a sede. Porque hai ansiedades que nin os trasnos dos biosbardos son quen de acougar sobre o soño intenso dunha almofada branca. E aínda que lle bote limón á auga, a heroicidade do meu pensamento non é quen de buscar a aventura que ti, lector, estás a imaxinar. Porque ninguén, fíxate ben, sabe soñar esperto como o fago eu. Son capaz de que a letras dunha canción durman sobre os compases dos asubíos que saen dos meus beizos.

Te puede interesar