Opinión

Sentada nun banco

Apóiome contra un vello carballo que hai á beira do camiño e respiro fondo, respiro profundo. Esvaro amodiño e sento ante a sombra do tronco. Deixo que os folgos se acomoden ó compás do tempo. Nun instante, alzo a mirada e véxoa; un pouco ó lonxe, pero alá está. Sentada nun banco de madeira, con patas de ferro. A muller ten o brazo dereito descansando sobre o tamén brazo dereito do banco. Os esquerdo esténdeo sobre o respaldo traseiro. Sorrí cun sorriso inmaculado. Non sei a quen, pero sorrí. Ela a min non me ve. Detrás dela e do banco hai un pequeno tanque cunha pouca auga de cor verdosa, quizais polo reflexo das matogueiras e das árbores que o arrodean. Ela, a muller, é guapa. Ela, a muller, viste unha blusa azul ceo e por enriba unha cazadora vaqueira; pantalóns axustados negros; zapatillas brancas e anteollos ós que non lles distingo a cor. Xa digo, estou un pouco afastado. Pero esta distancia non é quen de que deixe de apreciar unha certa auréola de fermosura que se ve, que se nota, que se sente. Ela, a muller, descruza as pernas e fai un intento de incorporarse, pero dubida e volve botar o corpo para atrás. Cando as súas costas premen sobre o respaldo do banco, volve sorrir. Sorrí cun sorriso tan aberto que a súa dentadura deixa escapar unha brillantez tal que abraia, que cega. Ela, a muller, xira un chisco o corpo e contempla o tanque da auga. No seu movemento noto un estremecemento que me corta incluso un chisco a respiración. Abrázome ás pernas e volvo respirar profundo. Ergo e marcho para non perder o meu rumbo, para non botarme a perder.

Te puede interesar