Opinión

Sentidiño

Otítulo deste Recuncho acaba de ser aclamado como o palabra do ano 2019 en Galicia, na nosa Comunidade. Penso que calquera palabra rematada en -iña ou -iño merece a máis grande distinción, porque hai que recoñecer que o diminutivo galego é o máis fermoso da nosa linguaxe e todas as linguas do mundo (que hai unhas cantas). Non obstante, para este espazo que me concede o xornal non vou a desenvolvela pola súa fermosura, senón polo seu significado, polo seu sentido.

Porque hai que ter moito sentidiño para analizar a política nosa de hoxe en día. En primeiro lugar, os propios políticos non teñen sentidiño ningún ante unha sociedade que os puxo aí para que formaran goberno. A día de hoxe non temos tal. Pero tamén é certo que nós mesmo non tivemos ningún sentidiño á hora de votar. Moitos votaron ó que saia, ás toas (eu, por certo, votei moi ben), e así asomaron partidos a moreas que, agora, para metelos a todos ou á maioría deles no mesmo feixe hai que buscar unha reata ou unha corda ben longa e ben consistente.

Falla o sentidiño na xestión da AP-9 con respecto á súa peaxe, que por aquilo de que quizais como somos galegos, é dicir, que somos o cu do mundo, castígannos coa maior subida de todas as autoestradas de España. Total, que son 21,20 euros se podes ir a fume de carozo desde O Ferrol ata Tui... Sentidiño nese Estado español que nunca mirou por nós. É igual, nós seguiremos a darlle sentidiño cos nosos votos (tan só eu voto ben)

Falta sentidiño para a tramitación dos nosos cartos. Acabo de ler neste mesmo xornal que o belén de Allariz realizouse por 4.000 euros. Fisicamente aínda non o vin, pero si conseguín velo en varias fotos que colgaron nas redes sociais, e podo asegurar que nin punto de comparación co de Ourense, ou sexa, moito pero moito mellor có desta cidade, que custou 18.000 euros e que, a maiores de feo, é pouquiña cousa. Pero como pagamos os pombos...

E xa para rematar, pido moito sentidiño para o día de mañá, para a noite de mañá. Sentidiño nesas saídas nocturnas, tanto en cuestión de tráfico como de “diversión”, así, entre comiñas. Desde este Recuncho, feliz 2020 a todos.

Te puede interesar