Opinión

Serena e sensible

André e Cristiano viven nunha aldea de Brasil chamada Ouro Preto (ironías da vida: a súa riqueza non cae sobre os seus habitantes). Apenas se coñecen. Emporiso, cando Cristiano morre a causa dun accidente na fábrica de aluminio onde traballa, o azar fará que o pequeno André percorra os derradeiros vinte anos da vida do obreiro grazas á aparición dun manuscrito que a película “Arabia” se encargará de poñer en escena. Pasados os quince primeiros minutos da metraxe, cando o rapaz atopa o manuscrito de Cristiano, a ficción transfórmase nunha representación visual do proceso de introspección dun home ansioso por esquecer o amor da súa vida: un exercicio que realiza mediante a escritura dun diario (narrado case sempre en off) e acompañado por un grupo de teatro.

Narrada a catro mans polos directores brasileiros Affonso Uchoa e João Dumans (este xa fora asistente de dirección daquel na súa anterior longametraxe de ficción), “Arabia” é un relato delicado e achegado ó ámbito familiar e o das relacións amigables. A película ten algo así como un aire literario, calmado e inclusive teatral. Acerta nun retrato social dun Brasil interno, afastado das grandes cidades, que cambiou a cosmética dalgunhas das súas relacións de poder entre donos, xefes e empregados, pero mantén case inalterables as distancias e posibilidades de aqueles que andan polas escalas, polas clases inferiores. E o amor, por suposto, que non semella formar parte da vida deses homes endurecidos, pero que é capaz de marcalos para sempre.

Marabillosa cinta de raíces neorrealistas que aborda escenas cotiás do máis tráxicas con moita tenrura e delicadeza, polo que suaviza así a súa carga melodramática. O filme non pretende exaltar ou esaxerar a desdicha dos personaxes, senón plasmar o sentimento de soidade e melancolía que os envolve.

A primeira película dirixida en conxunto por estes dous directores noveles é un curioso road movie escuro que se fura, que afonda, serena e sensiblemente, no interior dun obreiro marxinal e silencioso.

Te puede interesar