Opinión

Sobre a educación

Cada vez que pasa algo que non nos convence porque pensamos que está mal, axiña pomos a escusa da falta de educación. E ó Goberno, a calquera Goberno non tardamos en pedirlle que tome as correspondentes medidas para educarnos. Que se os maltratos, tanto humanos como a animais, é por falta de educación. Que falla a educación na seguridade viaria. Que non temos educación ante certos comportamentos, por exemplo, deportivos. E así un longo etcétera no que a educación brilla pola súa ausencia.

É certo que non temos educación ningunha. Pero non porque non nola ensinaran, senón porque non facemos uso dela. Desde cativos, é máis, desde bebés, os pais xa nos están a ensinar toda a educación habida e por haber. Que non pegues, que non insultes, que non roubes, que non mates. Iso dixéronnolo sempre. Pero os maltratos semella que van a máis; tanto nos humanos coma nos animais.

A diferenza está en que antes non se denunciaban e agora si se denuncian. Pero a educación foi sempre a mesma: desde cativos. Maltratos nas parellas de convivencia, nas familias, nos colexios, nos cuarteis militares sempre os houbo e creo que, por desgraza, os seguirá habendo. Nos maltratos ós animais, o que se facía antes con eles non se poden describir neste Recuncho. Agora, o único que pasa é que se fan máis ás agachadas por iso das denuncias.

O das denuncias é a única linguaxe que se entende. O das denuncias ou o de tomar cartas no asunto a base de castigos. Si, a base de castigos. Desde tempos inmemoriais... a letra con sangue entra. É lei de vida; se non vai polas boas ten que ir polas malas. O caso da seguridade viaria: edúcannos cun código de circulación que case ninguén respecta. Só o respectamos cando nunha vila ou aldea se erguen bandas sonoras que nos poden mandar o coche ó taller.

Desde cativos sempre nos guiaron sobre todo aquilo que se sae fóra das vías sociais e lóxicas. Non hai porque seguir machacando coa educación. Iso é como coa prohibición: só é cuestión de que che prohiban algo para facer o contrario. O problema é a nosa cabeza.

Te puede interesar